O Mariñeiro de Mera participará na prestixiosa regata de traiñeiras de Orio

O Centro Deportivo Mariñeiro de Mera participará o día 17 de febreiro no XXIV Descenso do río Oria, que se celebra na localidade guipuscoana de Orio. Esta regata, a máis importante de todas cantas se celebran no Cantábrico durante o inverno, congrega a milleiros de espectadores e conta cunha grande repercusión en todo Euskadi.

Nesta destacada competición participan numerosas traiñeiras de Guispúsca, Biscaia, Cantabria e Galicia. Na anterior edición foron máis de 90 as tripulacións participantes e segundo os organizadores está previsto superar esa cifra nesta edición.

O equipo meracho afronta esta proba cunha grande ilusión e co impulso engadido de conseguir mellores resultados dos agardados nas primeira regatas de pre-tempada. A traiñeira de Mera, que este verán debuta na máxima categoría do remo galego, está a amosar unha fortaleza moi superior á que se agarda dun conxunto recén ascendido.

A de Orio será a primeira vez que o Centro Deportivo Mariñeiro de Mera compite en Guipúscoa. O pasado ano, os merachos xa se estrearon no Cantábrico con dúas regatas en Cantabria e Biscaia nas que A Mariñeira foi quinta e décima, respectivamente.